Wednesday 18 de September de 2024

O Concello da Pobra avanza en materia patrimonial coa prospección arqueolóxica da Corte do Santo


Despois da adquisición da casa da cadea a comezos de ano, o Concello da Pobra do Caramiñal dá un paso máis en materia patrimonial co inicio da escavación do xacemento da Corte do Santo; uns traballos que se levarán a cabo en coordinación coa Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Esta prospección arqueolóxica comezará no 15 de xullo e estenderase durante 5 días. A hipótese é a existencia dun posible eremitorio que podería datar entre finais da Alta Idade Media e a Plena Idade Media, nunha das zonas máis altas da serra do Barbanza, á beira do río Pedras. Esta é a idea da que parte o equipo arqueolóxico conformado polo Laboratorio de Arqueoloxía Medieval da USC.

A dirección correrá a cargo do investigador Mario Ramos Soriano (USC), en colaboración coa empresa Tempos Arqueólogos e co financiamento tanto do Concello da Pobra do Caramiñal como do proxecto ECOLOC dirixido polo profesor da universidade compostelá, José Carlos Sánchez Pardo, con fondos do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.

O rexedor e titular da Concellaría do Patrimonio, José Carlos Vidal, incide na importancia que ten esta acción non só para a localidade, senón para toda a comarca do Barbanza. “De probarse a hipótese, estaríamos máis preto de demostrar a relevancia que tivo o río Pedras no plano espiritual durante a Idade Media. E uniríase ao de San Xoán da Misarela, polo que nos serviría de aliciente para seguir investigando ao longo de todo o curso do río.” Unha aposta por parte da Administración local coa finalidade de coidar, investigar e divulga-la súa riqueza patrimonial porque, como o alcalde apunta, “queremos poñer en valor o noso patrimonio material e inmaterial e que a nosa veciñanza coñeza a súa historia.” Por iso, ao longo das xornadas de intervención, toda persoa interesada pode visitar A Corte do Santo. Isto será entre os días 15 e 19 de xullo, dende as 10.00 ata as 14.00 horas. Haberá, ademais, unha visita guiada no xoves 18, ás 18.00 horas. Non se require inscrición previa e o punto de encontro será o propio lugar: https://maps.app.goo.gl/i5T62QSxiQWQdVLC7.

“As estratexias de control e explotación do territorio seguidas polos poderes eclesiásticos no período comprendido entre o final da Alta Idade Media e a Plena Idade Media fannos pensar que a súa implantación deixou unha pegada recoñecible a nivel arqueolóxico. Así, o seu poder mantería unha relación dialéctica moi interesante de estudar con respecto a outros poderes que operaron na zona, as paisaxes da contorna e con respecto ás clases sociais menos podentes, como o campesiñado”, afirma o investigador Mario Ramos.

Os obxectivos a acadar con esta intervención son os de tentar esclarecer o tipo de xacemento, conseguir datacións absolutas para definir a secuencia cronolóxica da Corte do Santo e comeza-lo proceso para definir unha estratexia cara a posta en valor deste ben patrimonial. Precisamente, con relación a isto último, está prevista a referida visita guiada, ademais da comunicación dos resultados da campaña nunha nova edición das xornadas de divulgación histórica e patrimonial A Pobra do Caramiñal no Tempo, que se celebrará a finais do mes de setembro.